• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Compostela Inserta

No ano 2008, a Concellaría de Promoción Económica e Emprego levou a cabo un proxecto novidoso no ámbito da inserción social: o programa Compostela Inserta. Este programa, que se desenvolveu entre maio e setembro do 2008, tivo como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral de colectivos de difícil inserción a través da creación de empresas en actividades produtivas consideradas novos filóns de emprego, neste caso plantas de compostaxe de materiais orgánicos de orixe vexetal.

Domus Dei

O proxecto Domus Dei, a "Casa de Deus", permitiu poñer en valor dous itinerarios temáticos polo máis relevante do patrimonio histórico-relixioso de Santiago de Compostela.

Compostela Walking Tours

A creación dos Compostela Walking Tours dotou á cidade de novos tours temáticos pola arquitectura contemporánea, parques e miradores, igrexas e conventos; polos seus establecementos gastronómicos e polos seus camiños nocturnos. Tamén poden visitarse talleres de oficios artesanais e artistas contemporáneos. A cidade, en tan diversas facetas, percórrese a pe en compañía dun guía que propón actividades e orienta o descubrimento.

Santiago é Grande

No 2008 Turismo de Santiago lanzou unha nova liña para a comunicación integral da imaxe turística de Santiago de Compostela. O resultado foi o eixo de comunicación ‘Santiago é Grande’, vertebrado en torno ás múltiples caras da cidade. En termos xerais preténdese transmitir a idea de que a capital de Galicia, con arredor de 100 mil habitantes e só 220 quilómetros cadrados, é grande así e todo porque nela converxen valores universais dos que gozan acotío visitantes e cidadáns.

Promoción

O esforzo promocional de Turismo de Santiago ten o obxectivo fundamental de aumentar a ‘visibilidade’ de Santiago de Compostela nos principais mercados turísticos. O intenso calendario de presentacións, feiras, xornadas e viaxes de familiarización, que abarca todo o ano e os cinco continentes do planeta, vese recompensado cunha realidade: a cidade pasou neste século de ser un destino periférico a converterse nun destino de primeira orde tanto para os principais emisores internacionais como para o turismo español.

Plan de Calidade en Destino

O Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) é unha iniciativa avalada pola Secretaría Xeral de Turismo e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que pretende elevar a calidade de todos os servizos turísticos das cidades a través da implantación dunha filosofía de traballo baseada na mellora continua.