O Concello de Santiago e a promoción da Economía Social
A situación actual demanda reforzar a aposta de futuro pola economía social e dar un salto cualitativo que permita recoñecer as importantes achegas que realiza á sociedade, así como as oportunidades de mellora económica e social que ofrece.
Dende a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidad e Saúde do Concello de Santiago, no ámbito das súas competencias consideramos que a recuperación económica só é posible se somos capaces de desenvolver un novo modelo que non se preocupe tanto das grandes cifras económicas, senón da situación das persoas e do aproveitamento das súas capacidades para crear proxectos nun marco laboral de calidade.
Este modelo baséase nunha concepción social e colaborativa da economía que sitúa ás persoas no centro do proceso e permite xerar valor social e desenvolvemento económico. Por iso estamos comprometidos co impulso deste novo modelo económico social e colaborativo na cidade. Sabemos que será un proceso difícil e complexo. Pero o noso compromiso é firme. Non se trata só dunha liña de traballo dun departamento concreto, senón que se trata dunha estratexia transversal que impregna toda a actividade municipal.
No ano 2015 creamos o programa de promoción económica Compostela Móvese programa que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago, apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio. Neste programa a aposta pola Economía Social recóllese coma un obxectivo fundamental do mesmo.
Axudas a empresas con especial atención ás fórmulas de economía social, posta en funcionamento de grupos colaborativos de busca activa de emprego e emprendemento como o proxecto Colabora, acción de fomento da colaboración entre o tecido empresarial xa constituído como o Proxecto Caramoniña ou o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade celebrado en decembro do pasado ano son algunhas das iniciativas a destacar deste programa.
O proxecto Colabora que xa contou con dúas edicións en Santiago de Compostela, deu lugar aos grupos de acción Xeracción XV e Colaboractiva, que teñen actividade de seu; ademáis de conquerir a inserción laboral de moitas das persoas que nel participaron.
Os grupos de emprendemento creativo nos que participaron ao longo de dous anos 24 iniciativas empresariais deron lugar ao grupo Caramoniña Creativa, que se autodefinen como “a forza creadora dun grupo de persoas unidas polo seu talento e o desexo de abrir novos espazos na economía colaborativa. Proxectos moi diversos entre eles pero que desexan avanzar xuntos cara a novos modelos de vida, arte e traballo que teñan en conta ás persoas, o medio ambiente e o desenvolvemento sustentable. Unha proposta xurdida dende a colaboración e que, máis aló dos seus protagonistas, quere ser un fin en si mesmo”
O Foro de Economía Social no que parciparon máis de 150 persoas naceu co obxectivo principal de estimular a promoción económica centrada nas persoas como motores de cambio e na responsabilidade empresarial como factor clave do emprendemento sostible. Nel combináronse sesións plenarias con charlas inspiradoras de experiencias reais de emprendemento e con dinámicas grupais e actividades que axudaran ás persoas participantes a superar a negatividade e a coñecer mecanismos para afrontar retos e establecer redes de colaboración.
O compromiso coa economía social levounos a solicitar a nosa adhesión á Rede Eusumo no ano 2016, e a abrir os espazos do Cersia Empresa ás entidades adheridas á Rede EuSumo da Xunta de Galicia para a realización de actividades vinculadas á promoción do desenvolvemento económico, con especial atención ás que promovan a economía social e colaborativa e contribúan a acadar os obxectivos do programa Compostela Móvese. Normas de Uso dos Espazos do CERSIA Empresa
Tamén o pasado ano realizamos o primeiro Catálogo de Entidades de Economía Social en Santiago de Compostela, e temos que salientar de o 59% das entidades que nel participan son cooperativas e dentro deste colectivo destacan as cooperativas de traballo asociado que supoñen o 72% das cooperativas en Santiago de Compostela.
Partiuse dunha base de datos de 140 empresas das que participaron finalmente no mesmo 61, que aportaron datos sobre a súa actividade económica e valores de traballo. Cabe destacar que case a metade das entidades presentes no informe foron creadas nos últimos cinco anos e tan só o 6,7% teñen máis de 25 anos de antigüidade, o que dá boa conta do dinamismo nos últimos tempos da economía social.
Os obxectivos para este ano 2017 son consolidar como servizos abertos á cidadanía as experiencias que ata agora eran programas con data de inicio e fin. En base á esa necesidade estase procedento ao deseño e contratación do Servizo de Emprendemento Colaborativo e do Servizo de busca de emprego Colaborativo que funcionarán de xeito continuado dende inicios de 2018 e permitirán traballar os procesos de busca de emprego e emprendemento de xeito grupal e aberto, buscando a cooperación entre as persoas.
Ademáis o Concello conta coas seguintes liñas de traballo en materia de Economía Social no marco do programa Compostela Móvese 2017:
1.“Axudas á empresas de recente creación” Compostela Móvese:
Este ano 2017 modificanse de novo as bases do programa de axudas á empresas para primar ás cooperativas de traballo asociado e ás sociedades laborais con 2000€ máis de axuda que outras fórmulas empresariais. Se unha empresa convencional pode ter aceso a unha axuda por importe de 3.000,00€; as de economía social poden ter aceso a unha axuda de 5.000,00€. Consulta a convocatoria aquí
2. Xornadas de Economía Social:
O II Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender con Valores ven a dar continuidade ás I Xornadas de Economía Social e Colaborativa realizadas con gran éxito de público no ano 2016 creando un espazo distintivo no CERSIA Empresa para a reflexión e a formación nas posibilidades da economía social e as novas economías centrada nas persoas como motores de cambio.
Co foro o Concello de Santiago busca por unha parte, coñecer e recoñecer o traballo de empresas cooperativas con valores sostibles, igualitarios e solidarios, polo que se dará visibilidade ás entidades que aparecen no Catálogo de entidades de economía social en Santiago de Compostela, realizado no ano 2016; e por outra parte , insistir na necesidade de colaborar dende as complicidades persoais para deseñar proxectos de colaboración que derive na coopetición de redes de persoas, profesionais e empresas.
Na primeria Xornada de Economía Social organizada en decembro de 2016 participaron máis de 150 persoas.
3. Almorzos do Bo Facer:
Os “Almorzos do Bo Facer” nacen para crear un espazo de encontro onde as cooperativas poidan falar e ser escoitadas, poidan coñecerse entre elas e poidan deseñar proxectos colaborativos e de “coopetición” para mellorar as súas necesidades e que estas poidan reverter nunha mellora e beneficio no resto da comunidade. Contarán con estruturas diferentes xa que cada un terá obxectivos concretos:
1º ALMORZO FALA- ESCOITA: Venres, 20 de outubro, no CERSIA en horario de 9 a 11h
Neste primeiro almorzo preténdese crear un espazo distendido, activo e de cohesión onde as cooperativas poidan expresar libremente as súas opinións de cara á creación dun listado de propostas e ideas colaborativas e cooperativas que mostrar ao Concello e que poidan favorecer e fortalecer o sector da economía social compostelá.
2º ALMORZO DESEÑA: Martes, 31 de outubro,no Matadoiro en horario de 9 a 11h
Este segundo almorzo centrarase no deseño e concreción de ideas ou esbozos de proxectos de carácter colaborativo que poidan funcionar como solucións ou alternativas ás cuestións xurdidas no primeiro. Terá, polo tanto un carácter de continuidade.
Ademais preténdense que aglutine a máis persoas, proxectos e entidades das que participaron no almorzo inicial. Estas acudirán convidadas polas entidades que participaron no primeiro almorzo e que ven nestas novas iniciativas un apoio para o deseño de ideas.
3º ALMORZO RESPONDE: Martes, 14 de novembro, no Auditorio de Galicia en horario de 9 a 11h
En Responde a idea é mostrar proxectos que poden dar resposta ou ser de aplicación para algunhas das necesidades que saíron nos almorzos anteriores.
Todas estas ideas e proxectos virán da economía social galega, e na medida do posible de Compostela e serán de aplicación e utilidade para as cooperativas participantes dando respostas ás cuestións xurdidas, desde diferentes ópticas da economía social e fórmulas próximas a esta.
4º ALMORZO PROXECTA: Martes,5 de decembro,na Sala Númax, en horario de 10 a 12h
Neste último almorzo e como peche dos almorzos proponse presentar os proxectos ou propostas colaborativas ao Concello de Santiago de Compostela , por un lado como resultado dos almorzos pero por outro co gaio de que poidan ser estudadas para un posible apoio dende o propio concello na súa programación de accións para o ano 2018
4. "O Forno dos Soños" programa Emprendemento Colaborativo:
"O Forno dos soños” é un programa de innovación social para o fomento do emprendemento que se desenvolve a través da creación dun entorno colaborativo no que se traballan, a través de diversas xornadas de formación e de traballo en equipo, todas aquelas competencias transversais que son precisas para levar unha idea de negocio á práctica.
5. Apertura das instalacións do CERSIA Empresa ás entidades e empresas adheridas á Rede EUSUMO da Xunta de Galicia. O pasado 19 de maio aprobáronse unhas Normas de Uso dos Espazos do CERSIA Empresa así como a instancia modelo de solicitude dos mesmos que están a disposición do público na web do CERSIA Empresa.
O programa Compostela Móvese 2017 conta con un orzamento de 235.000,00€ dos que 80.000,00 se adican á axudas á empresas de recenté creación e outros 80.000,00€ ás accións de fomento da economía social e colaborativa descritas.
Este programa levouse a cabo no periodo 2005-2017