• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

III Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping 2006

O Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping, dirixido a todos os comercios de Santiago de Compostela, ten como obxectivo contribuír á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe. En 2006 dividiuse, por primeira vez, en catro edicións, Primavera, Verán, Outono e Nadal. En cada unha delas premiáronse tres comercios. Os premios consistiron en campañas publicitarias a nivel local.

Compostela, capital de compras

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio realizou, en 2007, 2006 e 2005 a campaña publicitaria Compostela, capital de compras co obxectivo de dinamizar o comercio da cidade e consolidar a Santiago como un referente comercial da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Enmarcada nos programas de dinamización e promoción económica do Plan de Excelencia Comercial. Esta liña de actuación, consensuada co sector comercial, ademais da súa proxección externa para atraer novos clientes, ten funcións de dinamización interna.

Formación para o emprego

En 2009, a Concellaría de Promoción Económica desenvolveu cinco cursos de Formación para o Emprego, que teñen como obxectivo formar a persoas desempregadas en especialidades consideradas novos filóns de emprego. Enmarcados no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, contan cun orzamento de 406.966,59 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo.

Compostela Inserta

No ano 2008, a Concellaría de Promoción Económica e Emprego levou a cabo un proxecto novidoso no ámbito da inserción social: o programa Compostela Inserta. Este programa, que se desenvolveu entre maio e setembro do 2008, tivo como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral de colectivos de difícil inserción a través da creación de empresas en actividades produtivas consideradas novos filóns de emprego, neste caso plantas de compostaxe de materiais orgánicos de orixe vexetal.

Domus Dei

O proxecto Domus Dei, a "Casa de Deus", permitiu poñer en valor dous itinerarios temáticos polo máis relevante do patrimonio histórico-relixioso de Santiago de Compostela.

Compostela Walking Tours

A creación dos Compostela Walking Tours dotou á cidade de novos tours temáticos pola arquitectura contemporánea, parques e miradores, igrexas e conventos; polos seus establecementos gastronómicos e polos seus camiños nocturnos. Tamén poden visitarse talleres de oficios artesanais e artistas contemporáneos. A cidade, en tan diversas facetas, percórrese a pe en compañía dun guía que propón actividades e orienta o descubrimento.

Santiago é Grande

No 2008 Turismo de Santiago lanzou unha nova liña para a comunicación integral da imaxe turística de Santiago de Compostela. O resultado foi o eixo de comunicación ‘Santiago é Grande’, vertebrado en torno ás múltiples caras da cidade. En termos xerais preténdese transmitir a idea de que a capital de Galicia, con arredor de 100 mil habitantes e só 220 quilómetros cadrados, é grande así e todo porque nela converxen valores universais dos que gozan acotío visitantes e cidadáns.

Promoción

O esforzo promocional de Turismo de Santiago ten o obxectivo fundamental de aumentar a ‘visibilidade’ de Santiago de Compostela nos principais mercados turísticos. O intenso calendario de presentacións, feiras, xornadas e viaxes de familiarización, que abarca todo o ano e os cinco continentes do planeta, vese recompensado cunha realidade: a cidade pasou neste século de ser un destino periférico a converterse nun destino de primeira orde tanto para os principais emisores internacionais como para o turismo español.