Axudas á dixitalización Industria 4.0
Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor e outros que impliquen necesariamente a interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas.
Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:
a) Proxectos colectivos, nos que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.
b) Proxectos individuais nos que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:
1º Desenvolvemento dunha interfaz dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.
2º Implementación de sistemas especificamente no ámbito da produción e loxística encamiñados á dixitalización de procesos, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados mediante sensórica.
3º Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomos.
Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).