• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXUDAS PARA A CREACIÓN DE EMPRESAS SANTIAGO INVESTORS SUPPORT 2013

O programa Santiago Investors Support, do Departamento de Economía, comezou unha nova liña de axudas a emprendedores, cun orzamento de 100.000 euros. OSantiago Investors Support naceu no segundo semestre do 2011 como un programa vertebrador de todas as accións que se desenvolvían dende a Área de Economía do Concello co obxecto de dinamizar a vida empresarial da cidade. A presentación da nova liña de axudas a emprendedores é un paso máis na consolidación do programa e tamén representa a importancia que ten para o goberno municipal o fomento da cultura emprendedora como unha das principais vías para poder superar a situación económica actual.


O programa de axudas modifica substancialmente o anterior programa do Concello, o Compostela Activa, que celebrou a súa última edición no ano 2011 e que dedicou 60.000 euros a axudas a emprendedores. Así, o incremento que se produce na cifra total é de 40.000 euros. Pero, ademais do maior orzamento, a nova liña de axudas introduce diferenzas importantes.

No Compostela Activa só se subvencionaban: existencias iniciais de mercadorías, custes de arrendamento de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes e gastos de constitución da sociedade, e o importe máximo da axuda por empresa era de 3.000 euros.

No Santiago Investors Support amplíase o máximo de axuda por empresa ata 5.000 euros e tamén o abano de capítulos subvencionables, que son: custo de persoal contratado por conta allea, cotas autónomos do empresario individual e socios e cotas das mutuas dos colexios profesionais; compras de mercadorías, materias primas e outros aprivisionamentos; gastos de investigación e desenvolvemento; arrendamentos e canons; reparacións e conservacións; servizos profesionais independentes; transportes; primas de seguros; publicidade, propaganda e relacións públicas; subministros; gastos de formalización de constitución da sociedade.

Para a concesión das axudas estudarase o proxecto empresarial, no que se valorará especialmente a contribución da idea empresarial ao desenvolvemento de sectores estratéxicos da economía de Santiago, como as industrias creativas, novos produtos turísticos, prestacións de servizos para mellorar a calidade de vida dos cidadáns ou actividades baseadas na explotación comercial de resultados de proxectos de investigación da USC. Ademais, tamén se valorará dun xeito importante a creación de postos de traballo realizados pola empresa.


Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:
- Iniciar a súa actividade entre o 1 de xuño de 2011 e o 31 de xullo de 2013 Aos efectos deste programa enténdese como data de inicio de actividade aquela na que a persoa solicitante cause alta  no IAE ou no seu caso no censo de obrigados tributarios. 
- Ter a súa sede social, fiscal e de actividade no Concello de Santiago.
- A súa actividade empresarial sexa viable económica, financeira e tecnicamente.
- Non percibisen subvencións ao abeiro deste programa nos catro anos anteriores á data do inicio da nova  actividade.
- Non desenvolvesen a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade.

Non poderán ser persoas beneficiarias da presente subvención as persoas xurídicas resultado da fusión doutras pre-existentes que non cumpriran os requisitos previstos na presente cláusula, así como os solicitantes que se amparen para acreditar o cumprimento da condición de beneficiario en meros cambios de denominación, domicilio social ou calquera modificación nos estatutos. 

O prazo de solicitude das axudas abriuse o pasado día 10 de agosto, coa publicación da convocatoria no boletín oficial provincial, e rematará o próximo 10 de setembro.
Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición