SANTIAGO(é)TAPAS 2011
Os estabelecementos interesados en participar en SANTIAGO(é)TAPAS poden facer a súa inscripción entre o día 18 de marzo e o 6 de abril. Establécese o número de locais participantes nun máximo de 50, inscritos por rigorosa orde de presentación da súa solicitude. O concurso enmárcase dentro do programa de actividades do Consorcio para celebrar o 800 aniversario da Consagración da Catedral, como un xeito de facer constar que a gastronomía compostelá é tamén unha dimensión cultural da cidade.
Nesta cuarta edición, o concurso cambia de datas pola petición da Asociación Hostelería Compostela, coorganizadora do evento xunto con Turismo de Santiago. Nas tres primeiras edicións celebrouse na segunda quincena de xuño e os primeiros días de xullo. Pero nesta ocasión adiántase á segunda quincena do mes de maio, concretamente entre o 13 e o 29 de maio, co obxecto de dinamizar ao sector nese mes.
SANTIAGO(é)TAPAS, pese a súa xuventude, é xa un evento consolidado na axenda da cidade. No ano 2010 celebrou unha edición especial por motivo do Ano Santo, ampliando a súa duración normal de 17 a 24 días. Neste periodo, composteláns e turistas consumiron máis de 35.000 tapas nos estabelecementos participantes no concurso.
O “Xurelo afumado”, do Calderón, foi a tapa gañadora do Primeiro Premio do xurado da edición do 2010. En segundo lugar quedou o “Queixo con marmelo”, e en terceiro o “Mexillón con casca”, do Acio. A Tapería Castelao obtivo o Premio do público, coa súa “Hamburguesa de Xoubiña”, e o “Premio (é)xcelente”, tamén outorgado polo público, foi para El Olivo.
Nesta cuarta edición potenciarase a promoción do concurso e a participación dos usuarios a través das principais redes sociais, coa páxina oficial de Turismo de Santiago en Facebook, www.facebook.com/TurismodeSantiago e a través da conta de Twitter da empresa municipal de promoción turística, @santiagoturismo.
Os estabelecementos interesados en participar no Concurso deberán inscribirse , entre o 18 de marzo e o 6 de abril, enviando a folla de inscrición por correo ou fax ou levándoa persoalmente á
Secretaría Técnica do Concurso
Rúa República de El Salvador, 8-3º. 15701 Santiago de Compostela.
tel: 981 56 91 94 – 981 59 23 33 | fax: 981 59 11 71 |
correo-e: etapas@santiagoturismo.com
horario: 09.00 a 14.00 e 16.00 a 19.00 horas
Xunto coa folla de inscrición entregarán tamén a/s ficha/s técnica/s, cumprimentada/s para cada unha das tapas presentadas.
Poderán participar no concurso todos aqueles establecementos de hostalería establecidos no termo municipal de Santiago de Compostela que o desexen, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.