III Concurso de promoción comercial Regalar custa pouco
Os comercios de Santiago poden presentar, ata o 30 de novembro, unha oferta dos seus produtos ao III Concurso Regalar custa pouco. As mellores propostas serán recollidas nun catálogo que se distribuirá de balde, coa identificación do comercio, entre a cidadanía e as persoas que visiten Compostela en Nadal.
A Concellaría de Promoción Económica e Comercio convoca o III Concurso catálogo de promoción comercial de Compostela Regalar custa pouco, cos obxectivos de potenciar as compras nos estabelecementos comerciais da cidade; promover a adaptación dos estabelecementos comerciais á situación e cambios no mercado actual; e estimular a implantación de estratexias encamiñadas á satisfacción das necesidades, esixencias e demandas das persoas consumidoras.
A inscrición formalizarase por escrito presentando a documentación correspondente no Rexistro Xeral do Concello de Santiago de Compostela (rúa do Presidente Salvador Allende, 4, Baixo) ou nalgún dos seus rexistros auxiliares (rúa de Berlín 13 e rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16) ou ben mediante o seu envío por fax ao número 981 543 193. A documentación a achegar será a folla de inscrición (Anexo I) acompañada da/s ficha/s técnica/s (Anexo II), debidamente cumprimentadas, para cada unha das propostas presentadas. Non se admitirán aquelas solicitudes que presenten unicamente a folla de inscrición.
Cada estabelecemento poderá presentar ao concurso un máximo de unha (1) candidatura por cada rango de prezos. Non será obrigatorio presentar un produto en cada unha delas.
As seis categorías posibles son as seguintes:
- Produtos de ata 5 €
- Produtos de ata 10 €
- Produtos de ata 20 €
- Produtos de ata 30 €
- Produtos de ata 50 €
- Produtos de ata 100 €
Poden participar no concurso todos os estabelecementos comerciais abertos ao público no termo municipal de Santiago de Compostela, sempre que estean en posesión das licenzas oportunas.
Os estabelecementos comerciais que participen na campaña optan aos seguintes premios:
- Premios do xurado par as tres mellores propostas do catálogo: 750€ (1.º premio), 350€ (2.º premio) e 200€ (3.º premio), así como un espazo publicitario na prensa local.
Os estabelecementos participantes con produtos seleccionados para o catálogo deberán respectar as seguintes normas de organización:
- O prezo de venda dos produtos será o acordado na folla de inscrición e na ficha técnica correspondente.
- Os produtos seleccionados deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento como mínimo entre o 1 e o 30 de decembro de 2010, exceptuando os días oficiais de peche do estabelecemento, que deberán ser detallados na ficha adxunta. Os produtos poderán seguir formando parte da oferta habitual de cada estabelecemento.
- Exhibir nun lugar visíbel, tanto no interior como no exterior, o distintivo que identificará aos estabelecementos presentes no catálogo.
- Dentro do estabelecemento, indicar e diferenciar de maneira visíbel na súa oferta os produtos seleccionados.
- Facilitar, á organización e medios de comunicación, a realización das diversas accións de comunicación, prensa e relacións públicas do evento.
- Dar un breve informe final do número de produtos vendidos e colaborar coa enquisa de valoración do evento que se realizará co fin de facer propostas de mellora para as posíbeis futuras edicións.