• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Concurso de promoción comercial Volta ao cole

Os comercios interesados poden apuntarse, ata o 16 de xullo, cubrindo o formulario e os anexos e entregándoos en calquera dos rexistros cos que conta o concello de Santiago. Poden presentar ata seis produtos, un por cada rango de prezos establecida nas bases. As mellores propostas de produtos están recollidas, xunto á identificación do estabelecemento, nun catálogo que se distribue de balde entre a cidadanía durante os meses de setembro e outubro. 

O programa Volta ao cole ten como obxectivos potenciar as compras nos estabelecementos comerciais na cidade durante o outono; promover a adaptación dos estabelecementos comerciais á situación e cambios do mercado actual; e estimular a implantación de estratexias encamiñadas á satisfacción das necesidades, esixencias e demandas das persoas consumidoras. O outono é un período onde se realizan compras importantes por dous motivos: o comezo dunha nova estación, despois das vacacións e da calor estival, e o comezo do curso escolar; circunstancias que derivan na necesidade de compra para o aprovisionamento da tempada que comeza. 

Documentación requerida

A documentación a cubrir consta do Anexo I, que é a ficha de inscrición no certame, e o Anexo II, unha ficha técnica na que se describe brevemente o produto que vai concursar. Establécense ata seis rangos de produtos, dependendo do prezo: ata 5 euros, ata 10, ata 20, ata 30, ata 50 e ata 100 euros. Cada comercio pode presentar unha candidatura por cada rango de prezos. Os produtos presentados deberán figurar na oferta habitual do estabelecemento durante os días que dure a campaña de exposición e venda.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Volta ao cole está dirixido a todos os estabelecementos comerciais da cidade.

Requisitos

Para participar no concurso compre presentar unha ou varias propostas de produtos que se oferten durante o outono. As mellores propostas serán  recollidas no catálogo Volta ao cole, xunto á identificación e localización do comercio. Esta publicación distribuirase de balde entre a cidadanía de Compostela a partires do mes de setembro.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, convocarase aos estabelecementos participantes para que presenten unha mostra dos produtos e das embalaxes presentados a concurso. Un comité de selección valorará as candidaturas conforme á especialización dos produtos, á relación calidade-prezo e á novidade e orixinalidade no concepto de envases e embalaxes. As tres mellores propostas recibirán 750 euros (a clasificada en primeiro lugar) 350 euros (a segunda) e 200 euros (a terceira), e un espazo publicitario en prensa local. Ademais, entre os estabelecementos comerciais participantes sortearanse cinco cheques de consultaría de servizos técnicos especialistas en interiorismo e decoración.

Todas as propostas seleccionadas fotografiaranse e incluiranse no catálogo editado pola Concellaría de Promoción Económica que se distribuirá de xeito gratuito entre a cidadanía. Ao lado de cada un dos produtos irá a identificación do comercio, co seu enderezo. Trátase dunha publicación que se elaborará cun deseño atractivo, destinada ás compras de outono e con prezos asequibles e pechados. O catálogo, deseñado e editado dun xeito actual, elegante e facilmente lexible e manipulable, seguindo criterios de calidade, ten como obxectivo achegar a cidadanía ao comercio local, ben sexa para adquirir os produtos que alí se ofrecen ou tamén para coñecer outros similares que ofertan eses establecementos e fomentar así as compras nas tendas locais.