Compostela Activa 2009
O programa de fomento da cultura emprendendora Compostela Activa enmárcase no SAE, o Servizo de Apoio á Empresa . Ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.
Desde que xurdiu, e partindo dun mesmo concepto e estrutura foise renovando cada ano para adaptalo as variables económicas e á realidade empresarial e social de cada momento.
A estructura de Compostela Activa, por etapas; as diferentes liñas de axudas coas que conta; e o distinto perfil das persoas usuarias, fan imposible cuantificar, de xeito global, as empresas que xurdiron a través deste programa.
A primeira etapa, a idea de crear un negocio, está cuberta a través da información e orientación sobre constitución de empresas que presta o Servizo de apoio ao emprendemento, eixo vertebrador de Compostela Activa, e enmarcado no Servizo de Apoio á Empresa.
A segunda etapa, a obtención de recursos, cúbrese coas dúa convocatorias coas que conta Compostela Activa: o Concurso de novas ideas empresariais, que ten como obxectivo apoiar a aquelas persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolle a posta en marcha do proxecto empresarial; e a liña de incentivos Axudas para a creación de novas empresas, coa finalidade de axudar económicamente aos novos proxectos empresariais a consolidar os seus negocios.
Outra etapa é a formación, na que se imparten distintas accións formativas destinadas a persoas que queren desenvolver un proxecto empresarial e/ou que acaban de constituír unha empresa. Ademáis, no marco de Compostela Activa celébrase, todos os anos dende o 2006, a Xornada Emprende en Compostela, destinada ás persoas interesadas en desenvolver un proxecto empresarial e ás que están dando os seus primeiros pasos á fronte dunha empresa.
Compostela Activa 2009 conta cun orzamento de 170.000 euros, cofinanciados pola Deputación de A Coruña.
O programa Compostela Activa está dirixido ás persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago, ás que acaban de montar unha empresa, e aos negocios de recente creación.