• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Goberno autoriza a construción do novo edificio de viaxeiros da estación de Santiago de Compostela, por un valor estimado de 27,75 millóns de euros

Data de escritura

O Consello de Ministros, na súa reunión de hoxe, autorizou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) a licitar, a través de Adif Alta Velocidade, o contrato de obras de execución do proxecto construtivo do novo edificio de viaxeiros da estación de Santiago de Compostela, por un valor estimado de 27.758.103,41 euros (IVE non incluído). Una nova que o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu con satisfacción.

"Trátase dun bo día para Santiago", sinalou o rexedor, xa que tamén hoxe, por parte do Concello, sairon a licitación as obras de remodelación da rúa do Horreo, "para encaixar esa peza dentro da cidade e dentro do tecido urbano".

Sánchez Bugallo recorda que estas dúas obras, a estación de tren e a humanización da rúa do Hórreo, son as dúas actuacións que faltan por desenvolver para rematar o conxunto da intermodal, "no que o investimento total ronda os 70 millóns de euros. "É un custe importante, pero desde o punto de vista do número de viaxeiros beneficiados é moi barato e unha solución moi boa para o transporte e para a súa integración en Santiago". Sinala que este punto da cidade configúrase como un gran centro de intermodalidade e de transporte por estrada: "no ano 2022 pensamos mover no entorno de seis ou sete millóns de viaxeiros", engade.

Será, continuou, "o maior e principal centro de transporte terrestres de viaxeiros de Galicia; onde conclúen as liñas de transporte urbano, metropolitano, do transporte regular" e tamén as liñas de transporte ferroviario de alta velocidade, de media distancia e de cercanías.

Coa licitación da estación de tren, cúmprese o compromiso manifestado polo ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, e será Mitma, a través de Adif, quen asuma ao 100% a construción do novo recinto, sen necesidade de formalizar un novo convenio coas outras administracións implicadas no desenvolvemento da área intermodal: a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

Dado que o proxecto de construción atópase tecnicamente aprobado, autorizouse a licitación directa das obras, que contan cun prazo de execución estimado en 30 meses.

Novo edificio de viaxeiros
O novo edificio de viaxeiros construirase elevado sobre as actuais vías, apoiándose nas plataformas con soportes puntuais. Incluirá as dependencias necesarias para a explotación dos servizos ferroviarios e comerciais da estación.

O edificio formará unha unidade volumétrica coa pasarela peonil sobre vías, de nova execución, dende a que terá acceso e que conecta rede urbana, estación ferroviaria e terminal de autobuses, creando unha contorna de intermodalidad para a cidade de Santiago.

Para a construción do novo edificio de viaxeiros da estación ferroviaria realizarase un acondicionamento das plataformas existentes, co fin de permitir a execución dun sistema de conexións verticais que una o vestíbulo principal, situado a un nivel superior, coa zona de uso ferroviario.

Así mesmo, realizaranse as obras de adecuación necesarias no edificio de viaxeiros actual para adaptalo á nova realidade funcional da estación.

O contrato contempla outras actuacións, como son:
- A reestruturación da superficie de aparcadoiro situada entre a primeira plataforma e o noiro que traza o límite Norte do solar.
-Urbanización completa do ámbito interior da estación, entre a Rúa do Hórreo e as diferentes construcións do complexo ferroviario e entre os seus accesos Leste e Oeste.

As obras do novo edificio respectarán e complementarán as actuacións finalizadas na estación de Santiago en 2018, que representaron melloras na configuración de vías e instalacións ferroviarias, plataformas, marquesiñas, a ampliación do edificio de viaxeiros existente e a reordenación de viarios interiores, aparcadoiro e accesos á estación, cun investimento global de 9,25 millóns de euros.

Fondos europeos
Esta actuación vai ser financiada pola Unión Europea, a través dos fondos NextGenerationEU.