• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O alcalde de Santiago e o ministro de Transportes asinan o protocolo para o desenvolvemento e impulso dos obxectivos da Axenda Urbana

Data de escritura

O salón vermello do Pazo de Raxoi acolleu esta tarde a sinatura do protocolo entre a Secretaría xeral de Axenda Urbana e Vivenda do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e o Concello de Santiago no que se recolle a colaboración entre ambas entidades para a realización dun Plan de acción por parte da entidade municipal que sirva de proxecto piloto para outros municipios no ámbito da Axenda Urbana Española. No acto estiveron presentes o ministro José Luis Ábalos; o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; o secretario xeral, David Lucas; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

O obxecto do protocolo de actuación é dotar de formalidade á colaboración entre a Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda e o Concello de Santiago de Compostela, así como expresar a vontade da Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda de tomar en consideración o Plan de acción do Municipio de Santiago de Compostela como proxecto piloto da Axenda Urbana Española como boa prática e experiencia transferible que pode orientar a outros municipios na elaboración dos seus respectivos plans de acción.

O alcalde agradeceu que o ministro se desprazase a Santiago para facer efectiva a sinatura e manifestou o firme compromiso da cidade cos obxectivos da Axenda Urbana Española. "Queremos aproveitar todas as sinerxias" que se desprendan deste protocolo de colaboración, recalcou.

Pola súa banda, José Luis Ábalos lembrou que "o desenvolvemento sostible será local ou non será" e definiu a Axenda Urbana de Santiago como "unha oportunidade para planificar o futuro da cidade" coa vista posta en obxectivos comúns como a rexeneración dos espazos urbanos, o fomento da cohesión social ou a sustentabilidade, entre moitos outros. "Afrontaremos xuntos o reto demográfico e socioeconómico", apuntou o ministro.

Plan de acción da Axenda Urbana de Santiago
A actuación principal é a elaboración do Plan de acción da Axenda Urbana por parte do Concello de Santiago de Compostela, de conformidade coa metodoloxía deseñada por ela e dentro do marco xeral do resto de Axendas Internacionais: a Axenda 2030, a Nova Axenda Urbana de Nacións Unidas e a Axenda Urbana para a Unión Europea.

O contido e o alcance do devandito Plan de acción é competencia e decisión exclusiva do propio Concello. Unha vez elaborado, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no contexto deste marco de colaboración, tomarao en consideración como proxecto piloto de plan de acción de implementación da Axenda Urbana Española.

Esta proposta, ademais de converterse nun verdadeiro proxecto piloto, respondería tamén ao cumprimento do obxectivo da Axenda consistente no intercambio de coñecemento e experiencias entre os distintos niveis da Administración pública.

Para o seguimento das actuacións previstas e como canle habitual de comunicación créase unha Comisión de Seguimento que contará, polo menos, con dous membros designados por parte da Secretaría Xeral de Axenda Urbana e Vivenda e outros dous en representación do Concello de Santiago de Compostela. Entre as funcións que se asigna á mesma atópanse a de dar seguimento ás actuacións e traballos que se vaian realizando, así como a proposta e o deseño de medidas e actuacións complementarias que se xulguen de interese e que, no seu caso, poderán concretarse mediante a firma dun convenio específico adaptado ao seu contido. A Comisión de Seguimento reunirase, con carácter ordinario, polo menos unha vez por semestre, co fin de avaliar o desenvolvemento dos obxectivos alcanzados.

O protocolo entrará en vigor a partir da data da súa firma e terá unha duración de dous anos, podendo ser prorrogado automaticamente por períodos de igual duración con anterioridade á expiración do prazo convido.

Axenda Urbana Española
A Axenda Urbana Española, tomada en consideración polo Consello de Ministros o 22 de febreiro de 2019, é a folla de ruta que vai marcar a estratexia e as accións a levar para facer dos pobos e cidades ámbitos de convivencia amables, acolledores, saudables e concienciados. Constitúe un verdadeiro "menú á carta" para que todos os actores, públicos e privados, que interveñen nas cidades e que buscan un desenvolvemento equitativo, xusto e sustentable desde os seus distintos campos de actuación, poidan elaborar os seus propios plans de acción.