• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

Aprobado o programa de axuda a autónomos e pequenas empresas para o pago de xuros

Data de escritura

A Xunta de Goberno aprobou este venres, nunha sesión extraordinaria, unha convocatoria de axudas para autónomos e pequenas empresas destinadas a facer fronte aos xuros das operacións de crédito concertadas para a obtención de liquidez. Estas achegas son complementarias aos créditos ICO e aos créditos do IGAPE. A contía da subvención será o 75% do aboado en concepto de xuros anuais, co límite de 1.000 euros por persoa ou empresa beneficiaria.

Tras aprobar a semana pasada un programa semellante para o pequeno comercio, esta liña, tal como indicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, está máis dirixida "ao conxunto do tecido empresarial, incluída a hostalería", e en particular "a microempresas e autónomos". A dotación inicial desta acción é de 100.000 euros, ampliables ata os 400.000. En calquera caso, o rexedor indicou que "se a demanda excedera da oferta, abrirase unha segunda convocatoria". A previsión é que esta primeira convocatoria se publique no BOP a vindeira semana.

O alcalde lembrou que con esta "non se esgotan as medidas destinadas a autónomos e pequenas empresas, e xa estamos elaborando unha nova liña, paralela e semellante á do comercio de proximidade, orientada a subvencionar a modernización das instalacións e as adaptacións de seguridade necesarias para a nova normalidade". Anuncio que o Goberno municipal espera ter lista esta convocatoria a vindeira semana.

Documentos relacionados Direccións relacionadas