Os III Premios á Excelencia Empresarial recoñecen as empresas que axudan a construir un Santiago mellor
O Concello de Santiago fixo hoxe entrega dos III Premios de Excelencia Empresarial, nun acto celebrado no Pazo de Raxoi que estivo presidido pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, e pola tenenta de alcaldesa e concelleira de Promoción Económica, María Rozas. Con estes galardóns, recoñécense as empresas que se teñan distinguido polas súas boas prácticas nos campos da conciliación laboral e familiar, a economía circular, a innovación, a comercialización en produtos e servizos culturais, o cumprimento dos retos da Axenda Urbana 2030, a economía social e as boas prácticas que apostan por reter, atraer ou mellorar o talento.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que estes premios “serven de guía para ese camiño cara o soño colectivo ao que aspiramos na Compostela que habitamos, premiando a quen con decisión e esforzo decidiu remar a contracorrente en prol dun país máis humano”. A rexedora loubou a traxectoria de todas e cada unha das empresas recoñecidas, e salientou que os galardóns mostran “a diversificación da economía, nun mundo cada vez máis incerto no que depender duns poucos sectores é xogar co futuro”. Por iso, dixo, “precisamos empresas que aposten por modelos variados, sectores emerxentes e nichos que respondan a necesidades locais e retos globais, nunha economía viva, adaptativa, sustentable, feminista e xusta”.
Na mesma liña, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude salientou que as empresas premiadas “axudan a construír unha Compostela mellor para todos e todas, e axúdannos a avanzar no reto compartido que é lograr unha sociedade máis xusta”. María Rozas reivindicou que “é posible e empeza a ser urxente un modelo económico máis sostible, e estas empresas demostran que camiñar nesa liña non é incompatible con obter beneficios económicos”. A tenenta de alcaldesa tamén puxo en valor que “estes premios son unha mostra máis do talento que temos en Santiago, e unha reivindicación da Compostela diversa, tamén no plano económico, que desde as administracións temos que incentivar a potenciar”.
Premios en sete categorías
Os III Premios de Excelencia Empresarial distinguen empresas en sete categorías, cun premio de 6.000 euros en cada unha delas, con mencións de 2.000 euros en cada categoría.
Na categoría de “Boas prácticas en materia de conciliación”, o premio foi para Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, que desenvolve actividades de consultoría empresarial e comunicación; e a mención para Sacauntos Sociedade Cooperativa Galega, que atende a cuestións como a edición, o deseño gráfico ou a impresión. Na categoría “Boas prácticas en materia de economía circular” foi distinguida a empresa I-Grape Laboratory S.L., un spin off da Universidade de Santiago que elabora extractos naturais bioactivos a partir de residuos vexetais, con propiedades antioxidantes, antibacterianas e funxicidas.
Na categoría de “Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio”, o premio foi para “Sixtemas”, unha empresa que proporciona asesoramento especializado e desenvolve novas ferramentas dixitais innovadoras e personalizadas. a mención é para a consultora tecnolóxica Prefapp Cloud Consulting SL.
En canto á categoría de “Boas prácticas en innovación, en comercialización de produtos e servizos culturais”, Beatriz López González recibe o premio por Boles, unha tenda especializada en produto artesanal; e Chus Iglesias Prado mereceu a mención por Acivro Xoias xunto con Sacaúntos Sociedade Coopertiva. Na categoría “Boas prácticas de empresas de economía social”, o premio foi para Cidadanía, unha cooperativa que facilita a participación activa da cidadanía nas políticas públicas, deseñando procesos de investigación, consultoría e formación. Pola súa banda, Cogami Reciclado de Galicia recibiu unha mención.
Por último, na categoría “Boas prácticas que identifican estratexias que apostan por atraer, reter ou mellorar o talento”, o premio foi para Almudena Rodríguez polo proxecto Creafogar; mentres que houbo uha moción para a empresa Prefapp Cloud Consulting.
Quedaron desertas o resto de mencións, así como o premio na categoría de “Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030“.