• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

PROGRAMA EMEGA PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI429A)

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Con esta finalidade, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II: relación das promotoras e das traballadoras por conta allea, así como dos postos de traballo por conta allea para mulleres que se comprometen a crear, como máximo, ata a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

b) Anexo II bis (comprobación de datos das promotoras): no caso das promotoras das sociedades civís, entidades sen personalidade xurídica, comunidades de bens e sociedades mercantís, consulta dos datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas indicados nos números 1.e) e 2.b) do artigo 13.

c) Anexo III bis: para o caso das sociedades civís, entidades sen personalidade xurídica e comunidades de bens, ademais da declaración de axudas referida á empresa no anexo I, deberán presentar unha declaración de axudas por cada unha das promotoras a título individual no modelo anexo III bis.

d) Liña Emprende: plan de negocio empresarial no modelo anexo IV.

e) Liña Activa: plan de negocio empresarial no modelo anexo V.

f) Liña ITEF: plan de negocio empresarial no modelo anexo VI.

g) Documento de constitución da sociedade civil, da entidade sen personalidade xurídica, da comunidade de bens ou da sociedade mercantil, así como a documentación acreditativa de representación suficiente para actuar en nome da entidade. No caso de que se producisen variacións na titularidade e/ou composición do capital social, deberán presentar o/os documento/s que acrediten o grao de participación que se indique no anexo I.

h) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria relativa á situación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria en que necesariamente debe figurar, entre outros, a data de alta, o domicilio fiscal e social e a localización do establecemento comercial ou de produción.

i) Documentos de alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social (resolución sobre recoñecemento de alta) ou en mutualidade de colexio profesional.

j) Informe da vida laboral actualizado das promotoras emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, de ser o caso, tamén o certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

k) Para o caso de promotoras vítimas de violencia de xénero, documentación acreditativa desta situación segundo o previsto no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

l) Para o caso de promotoras cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, certificación acreditativa desta situación no caso de que esta non fose emitida pola Xunta de Galicia.

m) Informe de vida laboral de todos os códigos de cotización da empresa que comprenda o período abranguido entre o 1 de agosto de 2023 e ata a actualidade ou, no caso de non ter persoal asalariado, informe negativo de inscrición como empresario no sistema da Seguridade Social.

n) Liña ITEF: un breve currículo das promotoras e das persoas traballadoras por conta allea, de estar xa contratadas ou seleccionadas, con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial.

ñ) Axuda complementaria Concilia-promotoras: copia do libro de familia ou do certificado da inscrición da/do nacida/o no correspondente rexistro civil.

o) Axuda complementaria Concilia-persoas traballadoras por conta allea, para o suposto previsto na letra a) do artigo 9.3: copia do plan de igualdade vixente ou do acordo ou pacto de conciliación ou, no caso de non estar aínda formalizado na data da presentación da solicitude, unha memoria asinada pola solicitante que recolla a proposta das medidas de conciliación que se pretenden implantar na empresa.

p) Axuda complementaria Concilia-persoas traballadoras por conta allea, para o suposto previsto na letra b) do artigo 9.3: copia dos acordos de teletraballo ou, no caso de non estar aínda formalizados na data da presentación da solicitude, unha memoria asinada pola solicitante que recolla a proposta dos termos e contidos do teletraballo, con indicación do número de acordos que se van formalizar.

q) Calquera outra documentación que a solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para un maior detalle na descrición do proxecto empresarial (máximo seis follas).

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta orde, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, entidade sen personalidade xurídica, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal.

Requisitos

Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado na letra b) deste artigo. Para estes efectos, teñen a categoría de microempresas as unidades económicas que ocupan menos de dez persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dous millóns de euros; e de pequena empresa, as unidades económicas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dez millóns de euros.

 

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens, entidades sen personalidade xurídica ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais, as cooperativas de traballo asociado e as sociedades profesionais. Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa teñen que exercela exclusivamente mulleres. Ademais, o capital social estará maioritariamente subscrito por mulleres, no caso de pequenas empresas, e integramente subscrito por elas cando se trate de microempresas, agás que a participación proveña de instrumentos de apoio financeiro á actividade emprendedora consonte o sinalado no último parágrafo do punto anterior. Polo tanto, a participación destes instrumentos de apoio financeiro terase en conta, xunto coas achegas delas, para os efectos de verificar o cumprimento do requisito exixido neste artigo relativo á titularidade maioritaria ou, se é o caso, íntegra do capital social. Excepcionalmente, no caso da liña ITEF, calquera que sexa o tamaño da empresa, admitirase a participación de persoas que colaboraron no desenvolvemento do proxecto de investigación base da iniciativa empresarial, sempre que a maioría do capital social sexa titularidade das mulleres emprendedoras e a administración da empresa a exerzan mulleres.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia.

d) Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas, con independencia do seu grao de participación no capital social da empresa, deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e estar vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela. Nos casos de pluriactividade, entenderase que se cumpre este requisito da vinculación cando a relación laboral por conta allea sexa a tempo parcial cun máximo do 50 % da xornada ordinaria de traballo.

e) Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo establecida legalmente ou no convenio colectivo que lle sexa de aplicación. Así mesmo, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para a realización de traballos de carácter fixo descontinuo só se terán en conta cando a duración da actividade da traballadora non sexa inferior a dez meses nun período de doce meses.

f) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta orde.

g) A iniciativa ou o proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no plan de negocio empresarial.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

i) Non ter percibido axudas do programa Emega ao abeiro das convocatorias dos últimos cinco anos (2019, 2020, 2021, 2022 e 2023).