• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Concello de Santiago pon en marcha un servizo de información a pé de rúa sobre a xestión de residuos na cidade histórica

Data de escritura

Este servizo, que comezou a funcionar esta semana, pretende informar a habitantes, visitantes e hostalaría da necesidade de coidar a nosa cidade de xeito colectivo. Durante todo o verán, o persoal de Santiago Sostible informará a pé de rúa en horario de maña e tarde sobre a importancia de manter a cidade limpa e coidada, tanto por ser Patrimonio da Humanidade como para favorecer a convivencia entre a poboación local e todas as persoas que a visitan. Este novo servizo foi presentado esta mañá por Xesús Domínguez, concelleiro de Sustantibilidade Ambiental.

O Concelleiro Xesus Domínguez acompañado polo persoal de Santiago Sostible

Segundo explicou Xesús Domínguez, "esta campaña informativa vai estar centrada na xestión de residuos na cidade histórica e pretende informar á veciñanza, aos visitantes e á hostalaría en xeral da necesidade de coidar entre todos a cidade". O obxectivo deste servizo é que todas as persoas fagan "un bo uso do modelo de recollida e tratamento de residuos para manter limpa esta cidade, que ademais é Patrimonio da Humanidade", engadiu o edil.

O servizo desenvolverase ata o día 9 de setembro, e será o persoal de Santiago Sostible o encargado de informar aos transeúntes sobre estas cuestións, en horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a sábado e de 17:00 a 01:00 horas, de luns a venres.

Dentro do traballo a realizar polo Servizo de Información Ambiental tamén se prevé facer seguimento, informar e resolver dúbidas á cidadanía da cidade histórica sobre o uso das illas de quita e pon e tamén á hostalaría sobre todos os servizos prestados de recollida porta a porta, "un servizo que evita a presenza de colectores as 24 horas do día, concentrándose nun horario de 3 horas, de 20 a 23 horas", recordou o concelleiro.

Xesús Domínguez, salientou que desde a Concellaría de Sustentabilidade Ambiental, "poñemos todos os medios para conseguir un Santiago máis Sostible, e trasladar a todas as persoas que nos visiten, que son parte activa do mantemento da calidade medioambiental da cidade". O obxectivo tamén é "transmitirlles unha idea máis xenérica como que o mar comeza nas rúas de Compsotela, para evitar que as cabichas sexan tiradas indiscriminadamente ao chan, cheguen ás alcantarillas e contaminen os cursos de auga e cheguen aos ríos e o mar".

Campaña 'Ti tes a chave'

Ademais, no marco da campaña 'Ti tes a Chave' coa que o Concello de Santiago promove a recollida de materia orgánica e a compostaxe, o vindeiro luns, 31 de xullo, estará a disposición de todas as persoas interesadas, un stand para informar sobre o uso de colectores marróns e para repartir packs de iniciación e a chave. Este punto de información estará operativo o vindeiro luns desde as 09.30h ata as 13.30 na rúa Manuel Beiras, en Cornes (Conxo).

Tamén se poder recoller o kit e a chave de maneira continuada nos seguintes Centros Socioculturais: Aurelio Aguirre de Conxo, Fontiñas, José Saramago de Vite, Agustín Bueno do Castiñeiriño, Maruxa e Coralia e Santa Marta.

‘Santiago Sostible’

'Ti tes a chave é unha campaña que forma parte de Santiago Sostible, iniciativa paraugas do Concello de Santiago que engloba todas as accións e proxectos para a xestión do servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo.

Na súa web, santiagosostible.gal, pódese atopar toda a información ao respecto das diferentes campañas.