• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXUDAS PARA A INICIATIVA FABRICA INTELIXENTE E SUSTENTABLE

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a iniciativa Fábrica intelixente e sustentable, orientada a proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación centrados en tecnoloxías industriais innovadoras para apoiar as empresas na súa transición industrial, en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento IN854A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación ao abeiro da convocatoria da iniciativa Fábrica intelixente e sustentable. Esta iniciativa, incluída no Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, marco instrumental da RIS3 2021-2027, ten por obxectivo promover a realización de proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para acadar un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar en liña coas prioridades europeas en materia de dixitalización e pacto verde.

Documentación requerida

As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

 

a) Documentación xurídico-administrativa:

1º. Anexo I bis: descrición do equipo investigador e orzamento do proxecto.

2º. Poder da persoa representante que presenta a solicitude, verificado por letrado/a da Xunta de Galicia no caso de non estar inscrito no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG).

3º. Contrato/s de subcontratación subscrito con organismo/s e/ou empresa/s asinados por ambas as partes nos supostos en que o importe da subcontratación supere os 60.000 euros e que o dito importe exceda o 20 % da axuda concedida.

4º. Anexo de comprobación de datos das persoas representantes mancomunadas, no caso de representación mancomunada (anexo II).

5º. Anexo de declaración de información relativa á condición de peme (anexo VI). A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

6º. Anexo de comprobación de datos do equipo investigador (anexo III). Ademais, no caso de proxectos en cooperación:

7º. A empresa líder da agrupación presentará o acordo regulador da agrupación asinado por todos os membros. Neste documento contractual deben establecerse os dereitos e as obrigas que asume cada membro da agrupación, co contido mínimo sinalado no artigo 5.7 desta resolución. 8º. Memoria xustificativa do cumprimento do principio DNSH conforme o Regulamento (UE) 2020/852, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2019/2088, segundo se detalla no anexo IX desta convocatoria.

9º. Acreditación sobre o cumprimento dos prazos de pagamento a provedores, de conformidade co previsto no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

 

b) Documentación técnica:

1º. Memoria técnica do proxecto, segundo o índice que se inclúe como anexo VIII (en formato pdf) para presentar polo líder. Nesta memoria deberá incluírse a información detallada sobre o persoal dedicado ao proxecto: identificación do persoal propio da empresa, actividades que desenvolverá, porcentaxe de dedicación ao proxecto e motivación desta porcentaxe. Respecto do persoal de nova contratación, indicaranse o seu perfil e a duración do seu contrato. No referido aos custos de equipamento, deberá xustificarse na memoria a vida útil do equipamento e material instrumental de nova adquisición e o procedemento seguido para calcular os custos de amortización.

2º. Currículos redactados en formato libre de todos os membros do equipo humano asignado ao proxecto por parte de cada membro da agrupación.

 

c) Plan de comunicación e difusión do proxecto.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

a) Empresas industriais ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, que dispoñan dun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 3.

b) Agrupacións dunha empresa ou empresas do sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025, e un ou varios organismos de investigación e difusión, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), que realicen proxectos en cooperación.

c) Agrupacións entre empresas que deberán pertencer ao sector industrial ou de servizos, de acordo coa Axenda Industrial de Galicia 2025

Requisitos

Os organismos de investigación, ademais de cumprir os requisitos da definición incluída no artigo 2, só poderán ser beneficiarios se desenvolven un proxecto en colaboración cunha ou varias empresas no marco dun proxecto en cooperación subvencionable ao abeiro desta convocatoria e contan cun centro de traballo permanente legalmente constituído en Galicia.

As grandes empresas só poderán acceder ás axudas para proxectos de innovación organizativa e en materia de procesos se colaboran de xeito efectivo (artigo 2.13 desta convocatoria) cunha ou varias pemes, que deberán asumir, como mínimo, o 30 % dos custos subvencionables totais do proxecto en cooperación coa grande empresa.

No caso de proxectos de I+D, as empresas grandes que conten con máis de 499 traballadores só poderán ser beneficiarias se desenvolven un proxecto en colaboración cunha o varias pemes. As pemes que formen parte da agrupación deberán asumir, no seu conxunto, un mínimo do 5 % do total dos custos subvencionables.