SUBVENCIONS PARA A ACELERACION CULTURAL NO AMBITO DAS ARTES ESCENICAS
Axencia Galega des Industrias Culturais
RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para a aceleración cultural no ámbito das artes escénicas ao abeiro dos fondos de NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT207O).
Estas bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para participar no Programa de aceleración cultural coa finalidade de contribuír á consolidación e transformación das industrias culturais e creativas no ámbito das artes escénicas estimulando a profesionalización empresarial.
O obxectivo principal da aceleración cultural é iniciar un proceso de aceleración poñendo á disposición das persoas e entidades seleccionadas ferramentas dirixidas a obter habilidades emprendedoras e financeiras para o desenvolvemento da súa actividade empresarial co fin de:
– Acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional das ICC.
– Impulsar a transformación á cultura dixital e a incorporación de novas tecnoloxías nas ICC.
– Favorecer as interconexións entre as ICC e destas con outros sectores económicos.
– Mellorar o acceso ao financiamento das ICC.
As persoas solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:
Documentación administrativa:
- Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
- Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritas no Rexistro Mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.
- Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.
- Alta no réxime xeral de autónomos se a persoa solicitante é persoa física.
Documentación específica:
- Declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (anexo VI).
- Ficha resumo-memoria do proxecto que se vai desenvolver no ámbito da aceleración cultural da persoa solicitante, onde se especificarán as actuacións que se desenvolverán tanto no ámbito da aceleración como no investimento que a acompaña, explicando a necesidade e a coherencia da proposta. Como mínimo, esta memoria (anexo III) deberá recoller de cada liña o que segue a continuación: Liña 1. Acompañamento ás empresas, formación, mediación, incubación ou mentoría en materia de comunicación, internacionalización ou financiamento. Neste caso, presentarase o programa que se vai desenvolver, así como unha descrición da empresa ou entidades que o desenvolverán xunto coa acreditación da capacitación desta. A ficha resumo-memoria do proxecto deberá describir todas as actividades que se desenvolverán dentro desta liña e un calendario de execución. Liña 2. Participación da empresa en xornadas, obradoiros e seminarios. Indicación das xornadas, obradoiros e seminarios a que se pretende asistir e xustificación da súa participación neles en termos de beneficio para a empresa e/ou traballadores desta. Estas actividades deberán estar directamente relacionadas co proxecto que se presenta. Liña 3. Apoio á apertura de novas liñas de negocio e/ou novos mercados. Descrición da nova liña de negocio que se pretende implantar dentro da empresa e a mellora que se espera conseguir con esta actuación e/ou a apertura de novos mercados. Liña 4. Apoio á transformación dixital. Describirase o proxecto que se pretende levar a cabo, incidindo na mellora que supoñerá para a empresa a implementación das medidas de investimento expostas nel. Esta memoria terá como máximo 20 páxinas, nun tamaño de letra non superior a 10.
- Declaración responsable onde se describan os traballos de similar natureza realizados nos últimos tres anos, no suposto da liña 1 antes descrita.
- Plan económico/orzamento do proxecto (anexo IV). Deberá presentar un orzamento equilibrado entre gastos e ingresos previstos, indicando a cantidade solicitada a esta convocatoria, que non poderá exceder o 80 % do orzamento total de gastos subvencionables. Este plan incluirá unha previsión de financiamento, público ou privado, para completar o 100 % do custo total do proxecto presentado.
- Relación nominal de traballadores (RTN) do ano 2022 da Seguridade Social.
- Acreditación da participación en accións e programas formativos de emprendemento, con certificado do organismo que os realizou. Só se computarán, para os efectos desta liña de axudas, aquelas accións e programas formativos cun número igual ou superior a 30 horas.
- Descrición/currículo da entidade ou entidades que realizarán as accións enmarcadas no proceso de aceleración. O máximo de páxinas é de dúas por entidade participante.
- Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos conforme o modelo contido no anexo IV.B da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e declaración autorizando o acceso das entidades de control financeiro da Unión Europea para o exercicio das funcións que lles son atribuídas polo regulamento financeiro en relación co outorgamento de axudas económicas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, de acordo co disposto na letra e) do número 2 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia, e segundo o modelo destas bases (anexo VII).
- Declaración responsable de compromiso coa execución de actuacións do PRTR, entre as que están os estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, así como o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH) e o recollido no número 2 da norma cuarta conforme o modelo contido no anexo IV.C da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, e segundo o modelo destas bases (anexo VIII).
- Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.
Poderán ser beneficiarias as persoas profesionais rexistradas no réxime especial de traballadores autónomos, as pemes e as microempresas.
a) A actividade empresarial debe desenvolverse de forma habitual e maioritariamente en Galicia.
b) Que conten cunha sucursal ou oficina permanente na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea.
c) Estaren dadas de alta nas correspondentes epígrafes do imposto de actividades económicas e ter un obxecto ou fin social acorde con algún dos subsectores que compoñen as industrias culturais e creativas en Galicia no ámbito das artes escénicas. Para os efectos destas bases, o ámbito das artes escénicas queda restrinxido ás disciplinas de teatro, en calquera das súas manifestacións, de danza e artes do movemento, de circo e de maxia.
Ademais, para seren persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para seren persoas beneficiarias da axuda, e cumpriren as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.