• SANTIAGO DE COMPOSTELA CAPITAL ESPAÑOLA DA ECONOMÍA SOCIAL
  • UNINOVA
  • BIO POLO SIONLLA
  • AXENDA URBANA 2030 SANTIAGO DE COMPOSTELA

AXUDAS PARA A CONCILIACION DA PERSOA TRABALLADORA AUTONOMA

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 5 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación da persoa traballadora autónoma e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento TR341R).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das axudas á conciliación da vida familiar e laboral de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341R).

Mediante as axudas reguladas nesta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial.

Así mesmo, subvencionarase unha parte do custo dos centros e/ou servizos para o coidado de menores, maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia.

Documentación requerida

As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura no anexo I (solicitude) desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

 

Documentación xeral:

– No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa solicitante

 

Documentación específica bono autónomo Concilia I:

– Resolución da Seguridade Social en que indique o período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento.

– Informe de vida laboral do código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata e pola que se solicita subvención.

 

Documentación específica bono autónomo Concilia II:

– Informe de vida laboral do código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata e pola que se solicita subvención.

– Contrato de traballo.

– No caso de coidado de menores, acreditación do parentesco directo, co libro de familia ou certificado do Rexistro Civil ou, se é o caso, resolución de acollemento.

– No caso de coidado de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, acreditación do relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

– Certificado de discapacidade ou dependencia da persoa pola que se solicita a axuda non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

 

Documentación especifica bono autónomo Concilia III

– Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro ou do servizo correspondente.

– No caso de coidado de menores, acreditación do parentesco directo, co libro de familia ou certificado do Rexistro Civil ou, se é o caso, resolución de acollemento.

– No caso de coidado de maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia, acreditación do relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

– Certificado de discapacidade ou dependencia da persoa pola que se solicita a axuda non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia, de ser o caso.

Data inicio do prazo de inscrición
Data fin do prazo de Inscrición
Dirixido

Estas bases establecen os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que contraten unha persoa traballadora, ben sexa no caso de finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento, ou ben en calquera momento en que o precisen para apoiar o coidado de menores e/ou maiores e dependentes, e segundo o disposto nesta orde.

As axudas irán dirixidas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no seu negocio, nos casos de maternidade ou paternidade unha vez finalizado o seu período de descanso por nacemento, adopción ou acollemento (bono autónomo Concilia I).

Tamén se dirixen as axudas á contratación dunha persoa traballadora para apoiar a persoa autónoma no coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III) ao seu cargo, independentemente de que existisen ou non situacións de maternidade ou paternidade ou asimiladas (bono autónomo Concilia II).

Igualmente, apoiaranse os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e/ou persoas con discapacidade ou dependencia (graos I, II e III) a cargo da persoa autónoma, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2022 ao 29 de setembro de 2023 (bono autónomo Concilia III).

Requisitos

a) Ter o seu domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Desenvolveren a sua actividade empresarial ou profesional en Galicia, segundo alta no imposto de actividades económicas ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal da Administración Tributaria, modelos 036 ou 037.

c) Cumprir os requisitos exixidos nesta orde e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades cooperativas e as persoas autónomas colaboradoras, así como os autónomos administradores que non teñan parte na sociedade.

 

Bono autónomo Concilia I:

Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante tivo que estar previamente de baixa por maternidade ou paternidade, ou situacións asimiladas. O contrato que se realice será de calquera modalidade co compromiso dunha duración mínima de seis meses. A contratación débese realizar cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego, e débese realizar no período máximo dun ano unha vez rematado o período de descanso por maternidade, paternidade, adopción ou acollemento.

Non é necesario cumprir os requisitos previstos no parágrafo anterior se a contratación se realiza coa mesma persoa que estaba contratada por substitución da persoa traballadora por maternidade ou paternidade.

 

Bono autónomo Concilia II:

Para ser beneficiaria desta axuda o solicitante ten que acreditar a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade o afinidade coa persoa menor, maior e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grado de discapacidade igual ou superior ao 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa. A contratación débese realizar cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego.

 

Bono autónomo Concilia III:

Para ser beneficiario desta axuda a persoa solicitante terá que acreditar a contratación dun centro ou servizo de coidado de menores, maiores e/ou persoa con discapacidade ou dependencia. No caso de non existir a relación de parentesco prevista no parágrafo anterior deberase acreditar a convivencia no mesmo domicilio que a persoa maior e/ou persoa con discapacidade e/ou dependente e con grado de discapacidade igual ou superior ao 33 %, como mínimo, nos tres últimos meses anteriores á presentación da solicitude. No caso de menores acollidos non será necesario acreditar a convivencia previa.