O Berce de Sar completa o itinerario ata San Marcos
O alcalde e o concelleiro de Obras percorreron parte do itinerario que transcorre desde San Marcos ata Sar, pasando por Amio, San Lázaro e Aríns. A senda alcanza preto de 12 quilómetros, uníndose ao tramo previamente existente de Sar, Pontepedriña e Conxo. Todo o itinerario e elementos a destacar da ruta están recollidos na web parquefluvialdesantiago.org
Conectar as sendas que transcorren entre o Sar e Sarela para conformar un "enorme cinturón verde en forma de roteiros que percorra as marxes de ambos ríos". Ese é o obxectivo, segundo explica o alcalde, que se persegue con esta recuperación de sendas peonís ao carón do Sar que está a piques de rematar e, incluso conta xa, con ciclistas e sendeiristas que desfrutan delas.
Con preto de 12 quilómetros de lonxitude a senda transcorre ao carón do Sar, comezando no barrio de San Marcos e seguindo cara o sur, pasando polos barrios de Amio, San Lázaro, Aríns, Sar, Pontepedriña e Conxo, sendo renovado o trazado entre Sar e San Marcos, investíndose na recuperación desta zona un orzamento aproximado de 330.000 euros.
As actuacións centráronse en asentar as marxes do Sar, desbrozar a súa contorna, crear roteiros de zahorra, instalar pasos elevados metálicos para salvar regatos e o propio leito do río ou incluso en recuperar dalgúns dos muíños que permanecen ás beiras.
De feito, non son os muíños os únicos elementos de interese que poden atoparse no roteiro que está a piques de ser rematado. Varias pontellas, a vella curtiduría do Monte Viso, lavadoiros e algunha fonte destacan entre os elementos descubertos e, moitos deles, recuperados.
Trátase dun proxecto que se enmarca dentro da operación EDUSI denominada "Iniciativa urbana sostible de patrimonio natural e emprego" vencellada á EDUSI-REVIVE COMPOSTELA, cofinanciado nun 80% polo FEDER, no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.
Descubrir Santiago promovendo hábitos saudables
O alcalde puxo en valor a recuperación que se está a facer de itinerarios "moitos deles alleos incluso á propia veciñanza da zona": "co Xiro dos Montes tecemos un gran anel de roteiros que rodean todo o termo municipal, avanzamos na senda que segue o cauce do Sar e estamos a traballar paralelamente noutros itinerarios ao carón do Sarela".
"Debemos poñer en valor estas rutas verdes e, a maneira que temos de facelo, será impulsando andainas desde o propio Concello que dean a coñecer a enorme riqueza dos lugares polos que pasan estes itinerarios, ao tempo que promovemos hábitos saudables" explica Sánchez Bugallo.