AXUDAS Á VALORIZACION E Á SEGUNDA TRANSFORMACION DA INDUSTRIA FORESTAL GALEGA E DO CONTRACT
Axencia Galega da Industria Forestal
RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan para o ano 2023 en réxime de concorrencia competitiva as axudas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract (código de procedemento IN500B).
Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución nos seus procesos de produción vinculados á transformación da madeira e os seus derivados, resina, cortiza así como doutros produtos de orixe forestal, exceptuando os alimentarios, e que teñan como obxectivo aumentar a súa produtividade, a diversificación, ou a implantación de técnicas que permitan obter novos produtos ou solucións, produtos valorizados ou procesos que favorezan a minoración do impacto ambiental. Serán igualmente subvencionables os proxectos de investimento realizados polas persoas beneficiarias descritas no artigo 2 desta resolución que teñan como obxectivo a mellora da seguridade e saúde na contorna laboral das empresas da industria forestal e do contract.
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo III. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente.
b) Anexo IV. Memoria do proxecto que se vai realizar e das características da persoa solicitante para as que solicita baremación. Neste sentido, só serán consideradas aquelas características debidamente consignadas.
b) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo IV da presente resolución. c) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.
d) Escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores, no caso dunha sociedade, certificación da situación censual, no caso de autónomos e estatutos sociais, no caso de asociacións, organizacións fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
e) Copia da declaración do imposto de sociedades da empresa, do último exercicio económico pechado na data de publicación da convocatoria, no caso de contribuíntes por este imposto.
f) Informe oficial da Seguridade Social de vida laboral dos doce meses anteriores á data de publicación da convocatoria para todos os réximes en que figure dada de alta a empresa. No caso de que nalgún dos réximes non haxa persoas traballadoras, deberá presentarse informe de encadramento do empresario no sistema da Seguridade Social ou documento oficial equivalente para acreditalo.
g) Documentación acreditativa dos requisitos previos para pequenas e medianas empresas
Para que unha solicitude sexa válida, debe achegarse a seguinte documentación mínima:
a) Solicitude de axuda (anexo I), debidamente cumprimentada.
b) Anexo IV, Memoria dos investimentos que se van realizar, debidamente formalizada.
c) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, segundo o disposto no punto 1.h).1º do presente artigo
Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para estes efectos, tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) núm. 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
Para a liña 5 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que presten servizos de prevención de riscos laborais, así como as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira. En calquera caso, deberán desenvolver a súa actividade en Galicia.
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias: 1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe do mesmo ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento. 2º. Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta polo importe do investimento. 3º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado á data de publicación da convocatoria, modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda).
b) Deberán ter vixente na data de publicación da convocatoria un seguro de responsabilidade civil para as actividades propias da industria forestal e do contract e, no suposto de ser exixible, un contrato de prevención de riscos laborais. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que dispoñen do seguro de responsabilidade civil vixente e, no suposto de ser exixible, do contrato de prevención de riscos laborais.
c) Deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben deberán estar dados de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.