Resolución do 28/06/2021 establecen bases da II Edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2021
A finalidade dos premios é recoñecer o labor de profesionais e empresas galegas pola súa excelente contribución á innovación como un elemento indispensable no desenvolvemento da súa estratexia profesional e o seu crecemento empresarial, alcanzando con iso altas cotas de competitividade nos mercados, tanto galegos, nacionais como internacionais.
Así mesmo, trátase de recoñecer os profesionais e empresas que contribúen significativamente á mellora do prestixio do deseño galego e a súa internacionalización, así como as empresas que, ao incorporalo á súa estratexia empresarial, demostran que o deseño actúa como como motor de innovación e competitividade.
DOG Nº 132 do 13/07/2021
Requisitos das candidaturas.-
1. Poderán cursar candidatura aos Premios Galicia de Innovación e Deseño as persoas físicas nacidas en Galicia. Así mesmo, poderán optar aos premios as persoas xurídicas que teñan polo menos un establecemento permanente en Galicia, validamente constituído, que manteña a súa actividade. En ambos os casos, en función da modalidade a que concorran, deberán posuír as seguintes características:
a) Premios Galicia de Innovación: premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor da innovación empresarial.
– Modalidade «Traxectoria Innovadora»: empresarios e profesionais cunha traxectoria de polo menos dez anos, en que a innovación fose unha das súas características relevantes.
– Modalidade «Grande Empresa»: grandes empresas cunha actividade innovadora de polo menos dez anos.
– Modalidade «Pequena e Mediana Empresa»: pequenas e medianas empresas con demostrada actividade innovadora de polo menos cinco anos.
b) Premios Galicia de Deseño: premiarán persoas, institucións e organizacións que destaquen polo seu labor de posta en valor do sector do deseño.
– Modalidade «Profesionais»: profesionais do deseño (persoas físicas ou equipos de profesionais) cunha traxectoria de polo menos dez anos de recoñecido prestixio no sector.
– Modalidade «Empresas»: empresas consolidadas que incorporasen o deseño á súa estratexia empresarial durante polo menos dez anos.
– Modalidade «Mozos/as Deseñadores/as»: dirixido a aqueles creadores, cunha idade que non sobrepase os trinta e cinco anos no día de presentación da candidatura, e cunha traxectoria profesional inferior a dez anos.
As candidaturas ao Premio Galego de Innovación categoría «Traxectoria Innovadora» e as dos Premios Galicia de Deseño categorías «Profesionais» e «Mozos/a Deseñadores/as» deberán contar, polo menos, con dous avais de persoas de recoñecido prestixio no ámbito da innovación e do deseño.
2. A definición do tamaño de empresa seguirá o establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, Diario Oficial de la Unión Europea L 187/1, do 26 de xuño de 2014.
3. Os/as candidatos/as, no momento da presentación da súa candidatura, deberán estar en activo e desenvolvendo un labor altamente significativo dentro da súa especialidade e recoñecido internacionalmente. Cando o/a solicitante sexa unha persoa física, debe desenvolver un traballo altamente significativo no seu respectivo campo e deberá demostrar desenvolver unha actividade profesional rexistrándose no imposto de actividades económicas ou outras obrigas fiscais que se deriven do mero exercicio de actividade, profesional, económica ou artística.
4. Unha mesma candidatura poderá propoñerse para unha ou varias modalidades dos premios, para o que é imprescindible enviar unha proposta de solicitude diferente e completa, con toda a documentación requirida, para cada categoría presentada.
5. As persoas físicas ou xurídicas que en edicións anteriores resultaron gañadoras nalgunhas das modalidades destes premios non poderán optar a eles na mesma modalidade en que xa foron premiados.
6. Aínda cumpridos os requisitos recollidos na convocatoria, non poderán obter a condición de beneficiarias as candidaturas en que concorran algunhas das causas de exclusión recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no artigo 13 da Lei 38/ 2003, do 17 de novembro xeral de subvencións, nas súas normas de desenvolvemento, ou en calquera das epígrafes da presente convocatoria.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.