IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial
A Axencia Galega de Innovación ( Gain) organiza o próximo 29 de xuño a cuarta edición do seu Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, que volve ao CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) en formato mixto presencial-virtual para conmemorar o Día Mundial do Deseño Industrial.
Lugar: CIS Tecnoloxía e Deseño, Ferrol
Data: 29/06/2021
Hora: 9.30 h – 12.00 h
A cita está aberta a profesionais do deseño de todas as disciplinas (industrial, gráfico, de produto, organizacional, dixital e multimedia), estudantes desta especialidade e representantes de empresas e outras entidades interesadas en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e competitividade nas súas organizacións. A inscrición para a asistencia presencial estará aberta ata completar o aforo permitido con base nas restriccións sanitarias e o evento poderá seguirse tamén en streaming.
Nesta edición ponse o foco no papel do deseño e dos procesos creativos na innovación sobre catro áreas estratéxicas: o reto climático, a transformación dixital, a competitividade empresarial e o benestar social. Isto conecta directamente coas prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024, que será presentado durante o evento, xunto coas axudas do novo programa Deseña Peme e a próxima edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño.
Os asistentes terán ocasión de coñecer a visión de varios grupos de expertos sobre deseño para a sustentabilidade, a transición cara á economía creativa, a iniciativa New European Bauhaus e o posicionamento de Galicia como referencia sostible, transformadora e diferencial. Isto completarase coa presentación de varios proxectos de innovación aberta participados ou liderados por empresas galegas nos que o deseño é o elemento crave para lograr produtos ecoeficientes e ligados á innovación responsable.