Axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2020)
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitvidade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o aceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novas, achegando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. Sendo o obxecto último destas bases o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional do comercio retallista.
A subvención será do 80 % dos gastos relacionados no artigo 5:
A. Consultaría necesaria para a elaboración de:
- Diagnóstico de potencial exportador dixital. Esta análise debe, como mínimo, analizar a madurez dixital e internacional da empresa e xustificar as oportunidades dunha estratexia de internacionalización dixital para a empresa tendo en conta os seus recursos. Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.
- Plans de internacionalización dixital multicanle. Estes plans deben incluír, como mínimo, nha investigación, avaliación e selección de mercados e canles de vendas tendo en conta o potencial exportador dixital da empresa e os seus recursos dispoñibles. Gasto subvencionable máximo: 3.000 €.
- Plans de mercados electrónicos concretos. Estes plans deben de conter, como mínimo, a estratexia e as accións necesarias para deseñar, programar, conectar e posicionar tendas e catálogos on line multi-idioma. Así como unha análise SEO de web, catálogos on line e/ou tendas on line. Análise SEO por mercado xeográfico para Google e/ou buscadores de referencia (Baidu, Yandex para China e Rusia, por exemplo), e/ou SEO en marketplaces tipo Amazon, AliExpress, eBay. Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.
- Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Aqueles que se relacionen directamente coa operativa dixital internacional como a adaptación ao Regulamento xeral de protección de datos e, en xeral, á operativa import-export no comercio electrónico. Gasto subvencionable máximo: 5.000 €.
B. Software de:
- Soluciones tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management) para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais multi-idioma. Gastos subvencionable máximo: 6.000 €.
- Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERP). Gasto subvencionable máximo: 30.000 €.
- Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización de canles de vendas e de márketing on line. Gasto subvencionable máximo: 30.000 €.
- Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment, por exemplo, para a venda preditiva e o aprovisionamento. Gasto subvencionable máximo: 22.000 €.
- Solucións de inbound márketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar usuarios de interese obxectivo do negocio on line. Inclúese desde a compra das solucións tecnolóxicas, a súa integración e tamén a súa xestión como servizo a vendedores on line por parte de axencias. Gasto subvencionable máximo: 6.000 €.
Estes activos intanxibles serán acreditables segundo se indica no artigo 15.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).
C. Outros gastos de:
- Creación e adaptación de tendas on line e catálogos on line para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C. Gasto subvencionable máximo: 10.000 €.
- Campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais con buscadores e en plataformas. Gasto subvencionable máximo: 10.000 €.