Flexibilización temporal do uso do Fondo de Promoción e Educación das Cooperativas
Medida extraordinaria para flexibilizar de forma temporal o uso do Fondo de Promoción e Educación das Cooperativas coa finalidade de paliar os efectos do COVID-19
1. Durante a vixencia do estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 e as súas posibles prórrogas e ata o 31 de decembro de 2020, o Fondo de Educación e Promoción Cooperativo das cooperativas regulado no artigo 56 da Lei 27/1999, do 16 de xullo, de Cooperativas, poderá ser destinado, total ou parcialmente, ás seguintes finalidades: a) Como recurso financeiro, para dotar de liquidez á cooperativa en caso de necesitalo para o seu funcionamento. Para estes efectos, o Fondo de Educación e Promoción Cooperativo destinado a esta finalidade, deberá ser restituído pola cooperativa con, polo menos, o 30 % dos resultados de libre disposición que se xeren cada ano, ata que alcance o importe que devandito Fondo tiña no momento de adopción da decisión da súa aplicación excepcional e nun prazo máximo de 10 anos. b) A calquera actividade que redunde en axudar a frear a crise sanitaria do COVID-19 ou a paliar os seus efectos, ben mediante accións propias ou ben mediante doazóns a outras entidades, públicas ou privadas. 2. Durante a vixencia do estado de alarma declarado polo Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, ou de calquera das súas prórrogas, o Consello Reitor asumirá a competencia para aprobar a aplicación do Fondo de Educación ou Promoción nos termos previstos no apartado 1, cando por falta de medios adecuados ou suficientes a Asemblea Xeral das sociedades cooperativas non poida ser convocada para a súa celebración a través de medios virtuais. A asunción excepcional por parte do Consello Reitor desta competencia estenderase ata o 31 de decembro de 2020 cando a protección da saúde das socias e socios da cooperativa continúe esixindo a celebración virtual da Asemblea Xeral da sociedade cooperativa e esta non sexa posible por falta de medios adecuados ou suficientes. 3. A estes exclusivos efectos, non será de aplicación o disposto nos artigos 13.3 e 19.4 da Lei 20/1990, do 19 de decembro, sobre Réxime Fiscal das Cooperativas. Por tanto, o Fondo de Formación e Promoción Cooperativo que fose aplicado conforme á letra a) do apartado 1 do presente artigo, non terá a consideración de ingreso para a cooperativa.